AS FIGURAS LITERARIAS. Lembra...

 Na literatura adóitanse usar determinados recursos. A función que teñen é darlle orixinalidade e expresividade ao que nos di o autor. Os recursos e figuras son os medios que ten un escritor para construír a linguaxe literaria.


ALITERACIÓN: Repetición dun son nun grupo de palabras para que provoquen un efecto no lector.

Que ben , que bomba vén co seu rebumbio

bomba, Bong!, a bomba, bom amigo!

                                                    Celso Emilio Ferreiro

ANÁFORA: Repetición dunha ou varias palabras ao inicio de varios versos, co que se subliña enfaticamente o elemento reiterado.
Rabeache pola pineira
rabeache por pineirar
rabeache por ter amores
rabeache por te casar.

                        Cantar popular


ANTÍTESE: Contrapóñense dúas realidades para que dese xeito resalten máis.

Se cantan es ti que cantas,

se choran es ti que choras

e es o murmurio do río

e es a noite e es a aurora

                                  Rosalía de Castro  

 

ASÍNDETO: Suprímense as conxuncións co que o enunciado cobra rapidez e viveza.

Galicia é o que vemos:

a terra, o mar, o vento...

                      Manuel María


HIPÉRBATO: Alteración da orde sintáctica das palabras.

que o que é polo de hoxe

que darvos non teño

                                Curros Enríquez


HIPÉRBOLEEsaxeración que deforma a realidade máis alá do verosímil. 
Sinto no peito uns afogos 
que parece que mo morden 
 sete ducias de cans dogos.", 
                                Curros Enríquez

IRONÍA: Figura que depende moito do contexto e do ton e que consiste en dar a entender o contrario do que se di .

Os mortos que vos matades

gozan de boa saúde

                                 Celso Emilio Ferreiro


METÁFORA: Substitución do termo real(R) por poutro imaxinario (I) co cal se identifica.

Mais vé que o meu corazón
É unha rosa de cen follas
                         Rosalía de Castro.


ONOMATOPEIA: Imitación de sons e ruídos reais.

Gli, gli,gli, gli, gli, gli

Canta aquí, canta aló, canta acolá.

Onde diaño canta o grilo?

Onde o grilo cantará?

                               Roberto Blanco Torres


PARALELISMO: En poesía, repetición do mesmo esquema en dous ou máis versos sucesivos.

¿Como me hei de ir si te quero?
¿Como me hei de ir e deixarte,
si ca lingua me desbotas
e co corasón me atraes?

                            R. de Castro


POLISINDETO: Repetición de conxuncións. 

Denodados e fortes

foran nosos avós,

e varudos e intrépidos

e de nobre tenzón.

               E. Pondal

PERSONIFICACIÓN: Atribución a seres inanimados ou abstractos calidades propias de seres animados.

Gota de orballo

tremelucindo,

tes o sol rindo

dentro de ti.

                    Noriega Varela


SÍMIL OU COMPARACIÓNEstablécese unha comparación entre seres, obxectos ou calidades, ben por semellanza ou ben por diferenza. Aparece sempre o nexo "como", "tal cal"...

Ceo e terra están espidos

como outrora Adán e Eva

                                          Amado Carballo

Ningún comentario:

Publicar un comentario